miércoles, 10 de diciembre de 2014

A ÁRBORE DE CAMPÁS

Xa queda moi pouquiño para a chegada do Nadal, ás bolboretas encántanos, podédelo observar con esta foto na que amosamos a grande árbore de campás que decora o noso corredor.


Moitas grazas ás familias por colaborar na creación desta árbore orixinal,

CASA DAS CIENCIAS

Despois de moito investigar sobre o Universo, chegou a sorpresa que nos tiña preparada a profe, fomos de excursión á Casa das Ciencias!
Unha vez chegados ao museo científico, subimos e subimos ata chegar ao planetario onde Estrela Fugaz, serviunos de guía nunha viaxe polo Universo, no que puidemos observar os planetas, satélites, estrelas, constelacións,...
Pero ademais de seguir a aprender sobre o espazo, na visita puidemos observar as demais plantas do museo, onde puidemos xogar, sentir, imaxinar, pensar,... cos diferentes módulos interactivos. E para finalizar a saída viñéronnos a despedir uns pitiños pequeniños. 
Sen dúbida foi un día moi especial, que non esqueceremos,


ÚLTIMOS ANIVERSARIOS DO 2014

A semana pasada celebramos os últimos aniversarios do ano.
 Cova, Desi, Manuel e Vega, os peques da clase, xa teñen 5 anos.
 Tivemos a sorte de tomar unha parva que estaba moi rica, non parabamos de repetir torta de chocolate. Pasámolo moi ben!


jueves, 13 de noviembre de 2014

OS BOMBEIROS NO COUCEIRO

Non vos preocupedes, esta nova entrada non significa que houbera un incendio no cole.
O que aconteceu é que tivemos unha visita moi especial, uns axentes forestais viñeron a contarnos en que consiste o seu traballo, explicáronnos cales son as cinco regras básicas para coidar os bosque e previr incendios e tamén nos ensinaron os seus traxes e as ferramentas que empregan para apagar o lume.
Pero a visita non rematou aquí, tamén trouxeron un camión de bombeiros e nos ensinaron como apagan o lume nos bosques coa mangueira.
A frase da bolboreta Teo " Es lo mejor que he visto en mi vida" podería resumir perfectamente a emoción que creou en nós esta visita inesperada.
 
      
    
     

ORQUESTRA BOLBORETAS

Na clase de música, coa profe Lara, estivemos practicando como tocar diferentes instrumentos e entre todos creamos unha grande orquestra.
Somos uns artistas! Non credes?
   


O PAÍS DOS MANDÓNS!

A semana pasada, a pesar da choiva, visitamos a Casa da Cultura para poder presenciar xunto aos xirasoles e alumnado doutros centro do concello, a obra de teatro "O país dos mandóns!" 
( representado pola compañía teatral Ghadafhellos).
Foi unha actividade moi divertida, que ademais de facernos rir, amosounos a importancia que ten compartir as tarefas.
 

lunes, 3 de noviembre de 2014

SAMAÍN E MAGOSTO

Por fin chegaron as dúas grandes festas do outono ao Couceiro: Samaín e Magosto.
 Comezou a semana cos preparativos para as festas, a creación no cole dos castañeiros para o Magosto e nas casas das cabazas mais terroríficas para o Samaín.
E unha vez todo preparado, a celebralo: ensinamos aos compis as cabazas, tivemos a sorte de contar con Patrick ( o auxiliar de conversa dos maiores do cole) que nos explicou como se vive esta festa en Inglaterra e por último a comer castañas acompañados das familias para celebrar o Magosto.
Moitísimas grazas a todas as familias por elaborar cos vosos peques esas cabazas tan orixinais.
 Entre as que destacamos a mais enxebre e a mellor disfrazada.

 

  

VISITA ESPACIAL!

Como xa saberedes, as bolboretas, estamos a investigar sobre o Universo e a semana pasada tivemos unha visita moi especial, que nos axudou moito nas nosas investigacións.
 Tratábase de Jorge, un traballador da Axencia Espacial Europea (ESA), que entre outras cousas ensinounos como fabrican satélites que despois mandan ao Espacio e como os controlan para que nos envíen imaxes do Universo.
 Estabamos abraiados e tiñamos moitas dúbidas e preguntas que facerlle, seguiremos a investigar e esperamos volver a verte pronto Jorge.

 

 


Moitas grazas a Jorge por vir e a Bertila por toda a súa axuda neste encontro.

XIMENA XA TEN 5 ANIÑOS!

A bolboreta Ximena, xa ten 5 aniños e como non podía ser de outra forma, na clase fixemos unha festa moi divertida: comemos torta, cantámoslle cancións, bailamos,...
Parabéns Xiemena!!!



VISITA DOS CICLISTA

Fai uns días, a clase dos ciclistas visitounos para darnos un gran agasallo, unha invitación para poder coñecer a tres ciclistas. 
Chegado o día, reunímonos todas as clases de infantil e coñecemos a estes tres deportistas, que ademais de amosarnos as súas bicis ( de carreiras, de montaña e de paseo) ensináronnos moito sobre este deporte.


Moitas grazas ciclistas!

lunes, 6 de octubre de 2014

NOTICIAS DE NUMERETE E NUMERETA

A semana pasada Numerete e Numereta volvéronnos a sorprender cunha nova carta. Esta vez visitaron o planeta dos 7 mares, ao que chegaron de maneira diferente, coa súa nova nave espacial. Ademais de contarnos a súa aventura, a carta viña acompañada dunha foto da nave. Isto fíxonos pensar nunha nova investigación, queremos converternos en pequenos astrónomos e aprender moito sobre o universo, para o que pedimos ás familias calquera achega que nos poida axudar neste novo proxecto. 

 


Por certo, que vos parece o novo bañador de Numereta?

PRIMEIRA FESTA DO CURSO!

Fai uns días celebramos no cole os primeiros aniversarios do curso. Os protagonistas foron: Carolina, Hugo, Manuela, Noa, Paula e Valentina, que xa poden dicir que teñen 5 aniños. Coma sempre puidemos gozar dunha parva especial, con torta de chocolate e unhas piruletas moi orixinais ( feitas con xamón e queixo). Estaba todo boísimo e como toda gran celebración, a bailar,...




miércoles, 24 de septiembre de 2014

COMEZAMOS

As clases fai uns días que comezaron e aínda que parece mentira xa estamos no último curso de infantil. 
Somos os maiores!
Estes primeiros días aproveitámolos para coñecer a nosa nova clase, material novo, xoguetes novos, ata algún profe novo tamén, falamos moito das nosas vacacións, traballamos e sobre todo xogamos.


lunes, 30 de junio de 2014

FELIZ VERÁN!

As bolboretas queremos desexarvos a todos que o pasedes moi ben este verán. 
Vémonos en setembro!!!


CURSO 2013-2014

Este curso chegou ao seu fin, pero neste vídeo poderedes ver moitas das cousas que fixemos.

ÚLTIMA SEMANA DE COLE

Para despedir o curso, tivemos unha semana moi especial. Semana de deporte, música, despedidas...

O mércores tivemos a sorte de poder asistir a un concerto, nesta ocasión de música rock, no que puidemos escoitar ao grupo DeBosses, ( do que formaba parte o pai da xirafiña Noa). pasámolo xenial ademais de escoitando, bailando as súas cancións.

 
 

O xoves tocou facer exercicio, todo o alumnado de infantil xuntámonos para facer un circuíto xigante. Cansaba, pero gozamos moito facendo deporte.





E por último, chegou o venres. Un día moi emotivo formado por dúas graduacións, por unha parte xirafiñas e tartarugas remataron a súa etapa de infantil e por outra o alumnado de 6º despídese do Couceiro para comezar unha nova etapa no instituto. Ambos cursos despedíronse de nós cunhas actuacións moi orixinais.
E para rematar o día, unha parva diferente.

 
 

 



miércoles, 18 de junio de 2014

AS RECOMENDACIÓNS DE GÜINO PARA O VERÁN

PARABÉNS DANIELA!

O luns celebramos o último aniversario do curso. A bolboreta Daniela xa ten 5 aniños. Este celebración tamén fixo que recordarmos moito ao noso compañeiro Santi, que xa non está no cole, pero do que non nos esquecemos. Comemos unha torta de chocolate moi rica, cantamos, bailamos,...




DE EXCURSIÓN A BELELLE!

O pasado martes, fomos de excursión en autobús. Chegamos moi ilusionados ao cole, non nos daba chegado o momento de marchar rumbo á granxa. O camiño en autobús xa foi especial observando, cantando,... Unha vez na granxa todo foi a mellor: observamos moitos animais ( a algúns puidémolos alimentar, peitear,...), participamos na horta, fixemos pan, montamos en poni,... 
Sen dúbida foi un día moi especial.

jueves, 5 de junio de 2014

DE EXCURSIÓN Á BIBLIOTECA

A semana pasada por fin o tempo nos permitiu realizar unha pequena saída moi esperada para nós, a visita a biblioteca municipal, "a biblioteca de Alexandre" como lle chamamos as bolboretas.
Alí Alexandre nos explicou un pouco como funciona a biblioteca e convidounos a visitala polas tardes coas nosas familias. Para moitos de nós xa era coñecida, outros esperamos poder volver pronto.
Ademais puidemos gozar do conto "A bruxa regañadentes", aínda que a algúns dounos un pouquiño de medo ao principio.


 

 

ANIVERSARIOS DE MAIO

A semana pasada celebramos tres novos aniversarios, Bruno, Teo e Sara, xa teñen 5 aniños. Despois de prepararlles entre todos as coroas que puideron lucir, puxémonos a comer a torta e a bailar! Estaba todo boísimo e pasámolo moi ben. 
Parabéns Bruno, Teo e Sara.


LETRAS GALEGAS

O pasado 16 de Maio celebramos no cole o día das letras galegas, que este ano estivo adicado a  Xosé María Díaz Castro. 
O día comezou coa visita do xirasol Mateo co seu bombo, que mais tarde tocaría acompañado do grupo os "Fenómenos". Despois xuntámonos con todos os compis do cole no salón de actos onde fixemos a lectura dos diferente contos viaxeiros que entre todos creamos durante o curso, (o noso titulado "Guino") que poderedes observar en Bibliocouceiro. Continuamos coa entrega de premios do certame de poesía, no que os alumnos de infantil participamos co poema "As mascotas de infantil". E tamén puidemos escoitar a pequena homenaxe que o alumnado de 6º lle fixo a Xosé María Díaz Castro.
E para rematar a celebración, que mellor maneira que bailar música da nosa terra, achegada por un grupo xa coñecido para nós " Os Fenómenos"




jueves, 22 de mayo de 2014

EXCURSIÓN AO XARDÍN

A semana pasada, aproveitando o bo tempo que tivemos, decidimos facer unha pequeniña excursión ao "xardín" o parque mais próximo ao cole. Onde tomamos a parva e pasámolo xenial xogando nos tobogáns, nos bambáns, na area,... E puidemos observar como dúas bolboretas voaban preto de nós.

lunes, 12 de mayo de 2014

COÑECEMOS A NUMERETA

Fai uns días tivemos novas noticias do noso amigo Numerete, que nos segue a contar a súas aventuras polos diferentes planetas. Mandounos dúas cartas: a primeira acompañada por unha foto da súa moza, Numereta,  que quere acompañalo nas súas viaxes polo espazo; e na segunda contounos a súa aventura nun novo planeta, o do "número 6", onde o pasaron moi ben coñecendo aos seus habitantes.
Esperamos con impaciencia a próxima carta.